Sunday 05 de May de 2024

O CFEA de Guísamo organiza un curso sobre marketing dixital para a comercialización de produtos agoralimentarios


― Programada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a acción está prevista dende o vindeiro mércores 27 de outubro ata o mércores 24 de novembro

― Cunha duración total de 20 horas distribuídas en cinco xornadas, trataranse contidos como o deseño de páxinas web, a creación de contidos nas redes sociais e a elaboración dun plan de comunicación online

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dende o vindeiro mércores 27 de outubro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo, un curso sobre marketing dixital para a comercialización de produtos agroalimentarios. Previsto ata o mércores 24 de novembro, constará de 20 horas lectivas distribuídas en cinco xornadas, en horario de 16,00 a 20,00 horas.

Con esta acción búscase que os alumnos se familiaricen co deseño de páxinas web, coa creación de contidos nas redes sociais e coa elaboración dun plan de comunicación online, baseado nunha estratexia de planificación e análise. Así, primeiramente abordarase como levar a cabo este plan para, de seguido, tratar as principais redes sociais de interese e as súas particularidades. Posteriormente, falarase da creación de contido nesas redes para atraer a potenciais consumidores, apuntando á importancia da redacción, do deseño e da fotografía. Por último, instarase aos participantes a planificar o seu propio calendario de publicacións.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido seminario e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 881 055.